28/06/2022

GRUPO CUEVAS CRECEU EN 2021 O 10% EN VENDAS, O 13% EN BENEFICIOS E O 11% EN EMPREGO

GRUPO CUEVAS CRECEU EN 2021 O 10% EN VENDAS, O 13% EN BENEFICIOS  E O 11% EN EMPREGO

Grupo Cuevas deu continuidade en 2021 aos crecementos excepcionais de 2020 pola pandemia e anotou o seu segundo exercicio consecutivo con incremento de vendas a dobre díxito. A facturación total da compañía cifrouse en 137,2 millóns de euros (un 10% máis que en 2020) e a específica do negocio de alimentación excedeu os 130 millóns (un 11,1% máis que no exercicio previo).
Esta evolución da cifra de negocio desmárcase da tendencia media do sector da distribución alimentaria, que o ano pasado se estancó a nivel nacional e repetiu as magnitudes de 2020, segundo datos do informe Nielsen. Mentres, a compañía centenaria estendeu a forte subida de vendas a un segundo exercicio, ao rendibilizar a súa estratexia de aperturas e ampliación da rede comercial, de expansión territorial -para converterse en operador da zona noroeste-, de adaptación aos novos hábitos de consumo e de intensificación da aposta polo rural.
O beneficio bruto de explotación (ebitda) situouse en 5,5 millóns, ao crecer un 13,1% en comparación con 2020.
A suma de auxe de actividade e de expansión territorial ten reflexo nas cifras de emprego, que tamén alcanzaron teitos históricos. En 2021, o persoal medio de Cuevas estivo formada por 619 traballadores, 60 máis que no exercicio anterior. E ao 31 de decembro, coa achega do emprego estacional da campaña de Nadal, a compañía xeraba 735 postos de traballo, 35 máis que un ano antes. Así, a media de empregados subiu un 10,7%.
Artur Yuste, director xeral de Grupo Cuevas, destaca como principais resultados do exercicio o maior ritmo de creación de emprego e o “dobre díxito” en crecemento de facturación: “Non existe boa estratexia empresarial se os crecementos non teñen un visible reflexo sobre o emprego, nin sobre as economías locais. No noso caso, manter os ritmos de crecemento de 2020, que foi un ano de récord para o sector debido ao incremento do consumo doméstico na pandemia, permitiunos mellorar a nosa contribución sobre o emprego e sobre a dinamización dos territorios nos que temos presenza”, afirmou esta mañá na presentación dos resultados anuais.

HEXEMONÍA DO RURAL
Grupo Cuevas, pioneiro en orientar o seu modelo de negocio á recuperación das economías máis penalizadas polo despoboamento e o illamento, converteuse en 2021 nunha compañía con hexemonía de vendas no rural. A sociedade matriz, Ignacio das Cuevas, que canaliza o negocio da distribución alimentaria, rexistrou o ano pasado uns ingresos de 65,9 millóns de euros en zonas rurais e de 56,7 millóns nas áreas urbanas. E nun ano, o peso do rural sobre as súas vendas pasou de representar o 52,8% (ano 2020) ao 53,7% (2021).
Dos 17 centros abertos polo grupo en 2021, 14 situáronse en pequenos núcleos de poboación. As aperturas en zonas rurais achegaron máis de 10.000 metros cadrados de superficie - o 82 % do total de aperturas o ano pasado- na expansión de rede comercial despregada por Grupo Cuevas ao longo de todo o exercicio.
Os establecementos con implantación fóra das cidades e das áreas metropolitanas, en municipios e comarcas con escaso desenvolvemento económico, xa son maioritarios por superficie (28.089 m2) - o 55,6% do total - e por número de puntos na rede -65 tendas- das 93 que tiña en total (50.438 m2) a decembro de 2021. Ademais, os supermercados de ámbito rural sosteñen o 39,2% dos empregos.
Ao 31 de decembro de 2021, a superficie global de Grupo Cuevas coa suma de centros propios, franquiados e loxística superaba os 92.000 metros cadrados. A expansión e o crecemento da sala de venda conxunta tiveron continuidade no primeiro semestre de 2022, cunha apertura en San Cibrao e a incorporación doutros 4 Spar Express á cadea galega. Desta forma, a superficie total alcanza os 94.120 metros cadrados.
Por outra banda, as compras a provedores locais desde a división de distribución alimentaria, ascenderon o ano pasado a 52,3 millóns de euros, dos que 43,3 millóns beneficiáronse un total de 218 provedores galegos. En Asturias, comunidade na que Grupo Cuevas estreouse no segundo semestre de 2021 coa adquisición do negocio da insignia Malaquías Morais, as compras a provedores locais eleváronse a 4,9 millóns, e en Castela e León a 4 millóns de euros. En dous anos -comparativa entre 2019 e 2021-, estas compras de proximidade pasaron en Galicia dun volume de 32,3 millóns á dimensión actual de 43,3 millóns, cun incremento bianual do 34%. No mesmo período, a cifra de provedores de Galicia aumentou exponencialmente, ao pasar de 88 en 2019 a 218 en 2021 (crecemento do 148%).
CRECEMENTO E FLUXO INVESTIDOR DE CUEVAS E CÍA
Entre as sociedades do grupo, no pasado exercicio volveu destacar a evolución de Ignacio das Covas e de Cuevas e Cía. A primeira por impulsar as vendas un 11,5%, o beneficio bruto de explotación (ebitda) un 16,1% e a media anual de emprego un 11,5%, e por superar os 120 millóns en cifra de negocio, e a segunda por lograr o maior crecemento porcentual de facturación, cunha subida do 17,9%.
Ademais, a empresa que exerce como gran plataforma galega do sector da castaña tamén compartiu coa sociedade matriz o dinamismo nos investimentos. Cuevas e Cía destinou importantes partidas a innovación, fundamentalmente a renovación e adquisición de equipos, que van desde o cambio da tecnoloxía de conxelación ata a compra dunha marmita de cocción industrial e dunha etiquetadora, así como a construción dunha depuradora con capacidade para tratar 160.000 litros de auga ao día.
O fluxo investidor da empresa que universalizó o marrón glacé galego está a ter continuidade coa instalación de 264 paneis solares, capaces de abastecer en autoconsumo o 25% da enerxía que utiliza. En conxunto, o grupo destinou en 2021 un total de 2,9 millóns a investimentos.

COMPROMISO COA SUSTENTABILIDADE E A ECONOMÍA CIRCULAR
A sustentabilidade, a economía circular, a xestión de residuos, a reciclaxe e a loita contra o desperdicio alimentario foron os piares do exercicio en protección do medio ambiente e en responsabilidade social corporativa. Actualmente contan con abastecemento en forma de enerxía fotovoltaica as oficinas centrais da Cidade do Transporte, doutras sedes do grupo, así como varios supermercados e centros almacenistas. Este ano seguiranse acometendo estas dotacións ata alcanzar un total de dez centros entre tendas e instalacións das outras empresas do grupo. A potencia renovable instalada ascenderá a máis de 1 MW que supuxo un investimento próximo aos 700.000 euros e que está a facilitar xa unha achega enerxética de entre o 30 e o 40%, en función do centro.
Ao finalizar 2021 Grupo Cuevas evitou a emisión de máis de 100 toneladas de CO2 á atmosfera e cando alcance a implantación total de instalacións previstas superará as 600 toneladas de CO2 que non chegarán ao noso Medio Ambiente.
En economía circular, destaca o uso de palés ecolóxicos con certificación de xestión forestal sostible FSC, a máis esixente e comprometida co medio ambiente e a explotación responsable dos bosques.
Os puntos de venda de Grupo Cuevas deron o ano pasado unha segunda vida, a través da reciclaxe, a 168 toneladas de papel e cartón, e a 42 de plásticos e embalaxes. Pola súa banda, os clientes contribuíron á recollida de 715 quilos de aceite usado e 746 de pilas.