
OS ALUMNOS DO CIFP PORTOVELLO VISITAN A NOSA PLATAFORMA LOGÍSTICA
En Grupo Cuevas reforzamos o noso compromiso coa Formación Profesional como motor clave para a cualificación dun sector en constante evolución, marcado pola competitividade e a transformación dixital.
Recibimos esta semana a un grupo de estudantes de 1º do Ciclo Medio de Actividades Comerciais do CIFP Portovello. A visita enmarcouse dentro do módulo Marketing na actividade comercial e tivo como finalidade achegar ao alumnado ao funcionamento real da loxística e a xestión da distribución nunha empresa do sector.
Ao longo da visita, o grupo coñeceu de primeira man os procesos de distribución e planificación loxística, así como os principais desafíos aos que se enfronta actualmente o sector. Entre eles, destacamos o papel da dixitalización, a análise de datos e a implantación de solucións baseadas en intelixencia artificial, que están a redefinir a toma de decisións, a previsión da demanda e a optimización de roteiros e niveis de stock.
A visita estivo guiada por Marta Cid, directora de Marketing e Comunicación de Grupo Cuevas, quen presentou a traxectoria da compañía, acompañou ao grupo polas instalacións e respondeu as dúbidas e intereses do grupo de estudantes.
Desde Grupo Cuevas destacamos a importancia de estreitar a colaboración entre o ámbito educativo e o empresarial como vía para preparar aos futuros profesionais do sector do comercio e a distribución.