
Todo listo para o Trail Ribeira Sacra 2025: moito máis que unha carreira de montaña
471 corredores de once países desafiarán o 48 km o 12 de outubro, nunha combinación de alta esixencia deportiva coa promoción do patrimonio e a gastronomía.
O Parador de Santo Estevo acolleu onte a presentación oficial da novena edición do Trail Ribeira Sacra (TRS), unha proba de montaña que transcende a competición para converterse nunha experiencia que promove o deporte, o respecto ao medio ambiente e o patrimonio paisaxístico, cultural e gastronómico da Ribeira Sacra. O acto contou coa presenza de Diego Novelle, presidente do Grupo Cuevas Nogueira Trail, organizador de TRS; Beatriz Fernández, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; Manuel Pérez, xefe do Servizo de Deportes; Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva en representación da Deputación de Ourense; o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, e o concelleiro de Deportes, Raúl Soto.
Datos prácticos
Data da proba: Domingo, 12 de outubro de 2025.
Lugar de saída e meta: Praza de Luintra (Nogueira de Ramuín).
Hora de saída: 08:00 h.
Distancia: 48 km.
Desnivel positivo: +3.450 m.